28/10/07

O AVE (A) POR CERDEDO

.
.
Meu dito, meu feito. Irrompe inexorábel o inverno e a mingua dos días virá de ganchete co agoiro do tren-alustro. A enchente de ferralla e formigón alagará o val de Cerdedo e, mentres en pé se teña, a mole cincenta asombrará a conca do Lérez, a aldea de Folghoso, a ermida do Pegho, o coto de Mámoas, a Torre dos Mouros, a Veigha dos Muíños... Xa nada volverá ser coma antes.

A terra das cerdeiras ou dos carballos –pois Cerdedo é un lugar complexo mesmo na súa toponimia– leva meses ocupando a primeira plana dos rotativos: que se é o lugar idóneo para relocalizar unha pasteira, que se a vaga de lumes, que se decidiron a sorte da Deputación, que se outro atentado contra o monumento aos mártires de Pedre, que se o lobo comellón..., e o AVE. Xamais nunca se lle emprestara tanta atención a este relanzo da montaña pontevedresa.

Cerdedo, a valgada dos ríos Castro e Seixo, alí onde o Lérez se fai xente, malia os desatinos ambientais cometidos, segue sendo un paraíso. Cando menos, a alguén aínda llo parece. Decimado pola emigración de sempre e o imposibilismo de hogano, o vello “Ceresetum” ou “Cercetum”, á raxeira dunha decadencia subvencionada, disfrázase de vila, agachando tras os prefabricados e os farois “isabelinos” a súa esencia aldeá, a súa verdade.

Xestionando asisadamente o patrimonio material e inmaterial, a harmónica herdanza dos nosos devanceiros, pódense abofé resucitar lugares deprimidos. Son abondosos os exemplos –e non vou empregar o do concello ourensán que todos coñecemos–. Pregúntome cal será o engado que empregan os propietarios das casas de turismo rural da zona para atraer os seus clientes: monotonía forestal?, parcelamentos tarde, mal e porcamente?, parques eólicos?, hidroeléctricas?, vereas intransitábeis?, “feísmo” en xeral?..., e o AVE.

A “alta velocidade” non é “unha Nosa Señora de ferro”, a bela metáfora do ferrocarril loado por Curros no seu Aires da miña terra do ano 1880. O AVE non fecundará os terreos de Cerdedo, nin espertará os homes –agás cando faga soar a bucina–, nin vai facer “frolecer” os eidos. O AVE non achegará á aldea nin a fartura, nin a luz, nin o progreso. O viaduto, o tunel e a entulleira, que serán os cachos de torta de “progreso” que coma Cerdedo, suporán renunciar definitivamente á posta en valor da súa singularidade como estratexia de supervivencia. E non che é mala estratexia, mentres agardamos por un mesías que lle dea outra oportunidade á agricultura ou que teza de vez o encaixe industrial.

Cerdedo en troco do ben común, en troco do interese xeral, escoitarase con vehemencia. Mais non tal. O AVE é un capricho de novos ricos. Si, nós, a unha xeración da miseria, ataviados de “Armani” e co cu rachado. Todos laian polo tren de primeira e para os de primeira (aqueles que mercadorean en Madrid), mentres o ferrobús de terceira, que é no que viaxa e viaxará o común, cómpre empurralo nas costas, asoballa xente nos pasos a nivel e para usalo é indispensábel posuír o título de cosmonauta polo demorado das viaxes.

É comprensíbel que os da capital de España queiran ter a beatífica paisaxe galega no cabo da escaleira. É coñecido o interese das construtoras (ou destrutoras) para que así sexa. O artigo “Contra o despotismo da velocidade”, extraído da Encyclopédie des Nuisances, é certeiro cando afirma que o pulo da viaxe nace moitas veces no desexo de ir buscar noutra parte xa non o novo, senón o vello, é dicir aquilo que un viu destruír alí onde vive. Mais nós, os outros galegos, os afastados do apeadoiro, tamén temos dereito a vindicar o noso pan de mañá e a chegar a Lugo con día.

Antes de que os bulldozers e as padexadoras braden famentos na valiña, antes de que lles deixemos levar devesas, poulas e estivadas a prezo de saldo; antes de que dende os rueiros despoboados nos sorprendamos ollando babiolos o galgar do convoi –Cerdedo xa sempre por debaixo–, salientaremos unha vez máis cal é o verdadeiro ouro negro da aldea e do que aínda hai xenerosas anque limitadas reservas: a beleza e o silencio. Ollo ao tren!
.
Faro de Vigo, 28-10-2007
.
>>>
Fotografía: Pintada contra o AVE.
.
.
Léase a crónica da 5ª edición da xornada cultural TERRA DE TODOS, organizada por Verbo Xido arredor da problemática do AVE e celebrada en Cerdedo:
.
.
..

9/10/07

XINETE DAS BALEAS

.
. .
. .
.
O pasado 27 de setembro, Bernardino Graña Vilar, poeta, narrador e dramaturgo galego, fixo 75 anos. Bernardino, nado na vila de Cangas do Morrazo no ano 1932, consagrou esta primeira etapa da súa vida ao arrequecemento do tesouro literario da galeguidade e asemade ao fornecemento do acervo literario universal. Nesta nova andaina, o poeta do mar, o noso poeta océano, creador prolífico e infatigábel, seguirá saciando abofé "a fame e secura dos calados" co menciñeiro xarope elaborado no trobo da súa inspiración. "Mil voltas máis, torreiro, guieiro amigo!".
.
Bernardino Graña, que formara parte do activísimo Grupo Brais Pinto no eslamiado Madrid da ditadura, membro fundador e presidente da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega), estúdase hoxe como integrante da chamada Xeración das Festas Minervais ou mellor, Xeración de 1957, grupos literarios aos que tamén se adscriben, entre outros, Manuel María, Uxío Novoneyra, Xohana Torres, S. García Bodaño, Avilés de Taramancos, X. L. Franco Grande, A. López Casanova e X. L. Méndez Ferrín.
.
Bernardino Graña é autor dos poemarios Poema do home que quixo vivir (1958), Profecía do mar (1966), Non vexo nin Vigo nin Cangas (1975), Se o noso amor e os peixes... (1980), Sima-Cima do voar tolo (1984), Himno verde (1992), Luz de novembro (1997) e Sen sombra e sen amor (2004). Autor, así mesmo, das pezas teatrais Vinte mil pesos crime (1962), Sinfarainín contra don Perfeuto (1975), Os burros que comen ouro nunca cabalos serán (1979), e, entre outras, das obras narrativas Fins do mundo (1974) e a recentemente publicada Protoevanxeo do neto de Herodes (2006).
.
Os actos de homenaxe, sabiamente encadeados pola Asociación Cultural A Cepa de Cangas, comezaron o mesmo día 27 cunha gorentosa cea á beira do mar de Moaña. Ao convite acudiron destacados persoeiros da política e da cultura galegas e veciños e amigos do homenaxeado: os alcaldes de Cangas e Moaña, a delegada provincial de Cultura, os escritores Anxo Angueira, Adolfo Caamaño, Pepe Cáccamo, Francisco Castro, Marta Dacosta, Vítor Freixanes, Elvira Riveiro, Xosé Vázquez Pintor, Asun Veloso... Léronse poemas e adhesións, fíxose entrega de agasallos e un emocionado Bernardino falou e soprou as candeíñas da súa torta de aniversario.
.
Os días 28 e 29, o auditorio municipal de Cangas foi o lugar escolleito para escenificar o tributo de agarimo, agradecemento e admiración que o pobo do Morrazo e o país enteiro ofertou a un dos grandes das nosas letras. A Coral Polifónica de Bueu, a Coral Lestonnac de Cangas, a Coral Queixumes do Hío, o Coro San Xosé de Cangas, o Coro Mornura de Cangas, a Banda de Gaitas Tromentelo de Coiro, Na Virada, A Quenlla (cos incombustíbeis Mini e Mero), Tino Baz, Miro Casavella, Pablo Costas, César Morán, Xavier Blanco... Pecharon o acto, tras máis de tres horas de música e poesía, Xosé Manuel Pazos, concelleiro de Cultura de Cangas, Clara Millán, alcaldesa da vila, Luís Bará, director xeral de Cultura e, finalmente, Bernardino Graña quen non desaproveitou a oportunidade, mestre eterno, de aconsellar o auditorio na necesidade de roubarlle horas de lectura e creación ao traballo, obriga perniciosa á que nos somete o sistema económico capitalista, desacougante e alienador. Baixou o pano e os asistentes espertamos á crúa realidade sabedores de ter participado nun acto cívico irrepetíbel.
.
Nun esforzo editorial encomiábel –polo axustado dos prazos–, Edicións Xerais tirou do prelo Bernardino Graña. Homenaxe no 75 aniversario, unha colección de textos e estampas (ensaio, poesía, pintura e fotografía) achegados por afectos e discípulos do poeta. A edición estivo ao coidado do profesor e crítico literario Héitor Mera, autor do libro Conversas con Bernardino Graña (Xerais, 2005) e da edición crítica de Vinte mil pesos crime (Xerais, 2005). Héitor Mera, testamenteiro literario de Bernardino Graña, non só é, hoxe por hoxe, unha autoridade nos eidos vital e ficcional bernardinianos senón que ademais, cómpre salientalo, foi peza fundamental da perfecta engrenaxe organizativa. O amor é unha arma de construción masiva. Parabéns. Como hei vivir mañá sen a luz vosa?
.
Vieiros: Cartafol de libros, 9-10-2007

.
.
>>>
Ilustración: Cartaz anunciador da homenaxe, deseñado por Mónica García (Grupo Serpe Bichoca).
Fotografía: O autor destas liñas, arroupado polo crítico literario Héitor Mera e polo egrexio Bernardino Graña.
.
.