26/9/07

BOTELLÓDROMOS

.
.
Non vai ser un quen tire a primeira pedra. Quen fora novo e non fora tolo. Eu, da quinta do 71, anque obxector, tamén teño chegado a casa sobre da mañá e de memoria. Lembro así mesmo, coa emoción da xuventude perdida, ter cantado rouco aquilo de "Hermano bebe que la vida es breve...", versos popularizados por unha mítica banda de rock viguesa, mais o que non lembro é a tétrica procesión de alcólicos de supermercado cara ao Campiño pontevedrés, nin os desmandos contra a propiedade pública, nin as enchentes de lixo e inmundicia en plena era da reciclaxe e da sustentabilidade. Retireime da circulación antes de que o “botellón”, fenómeno social consolidado e mesmo xa institucionalizado, escollese o adro de Santa María, marco incomparábel, como campo de batalla e observo hoxe con pasmo como as autoridades municipais e os voceiros das asociacións veciñais se afanan na procura dunha nova localización para esta versión fundamentalista e dexenerada da “movida”.

Nada máis lonxe das intencións dos representantes da sociedade pontevedresa que ser o branco das iras dun fato de adolescentes que invisten o seu lecer e o doméstico imposto revolucionario nunha maratón etílica (e outras herbas) cuxos danos colaterais adoitan paliarse cun sobresforzo das brigadas municipais de limpeza, das forzas de orde pública e dos servizos sanitarios de urxencias, aínda que, como dixo o sepultureiro: “Deus dea traballo, cada un na súa profesión”.

Xa que non se albisca unha solución a curto prazo, senón un “tupido veo”, non vou desaproveitar a oportunidade de defender a idoneidade do meu “botellódromo” alternativo, verbigracia: a praza de touros de Pontevedra. Aclaro que a devandita proposta foi tamén debidamente consensuada con catro ou cinco representantes do sindicato de libadores, coa particularidade, non insignificante, de ter desenvolvido o meu traballo de campo en horario lectivo, é dicir pola mañá, pois sabemos que se “priva” con nocturnidade e aleivosía e que hai moitos que beben para esquecer.

O anfiteatro da Moureira, infrautilizado, reúne as condicións axeitadas para acoller tan magno espectáculo. Mais, atención, só o círculo de area pode ser empregado para este benemérito fin. A particular natureza do escenario permitiría enxugar facilmente vomitonas e ouriños (quen ten un felino na súa casa ben sabe do que estou a falar) e mesmo amortecer agarimosamente calquera esvaecemento provocado pola tensión (baixa) e o fragor (unha boa dose de decibelios) do evento. Por mor de respectar as leis, unha liña diametral trazada con cal afastaría a zona de fumadores da de non fumadores. Unhas canastras de quita e pon resolverían o sempre problemático pousado do “cubata”. Asemade, bendita inspiración, o monumental curro impediría o tan temido esparexemento do rabaño pola contorna.

Se insisto no do emprego exclusivo da areeira é porque as bancadas e os palcos cumpriría que fosen destinados para o acomodo dos pais das crianzas (atendendo, como se acostuma na Boa Vila, ao seu status social). Os proxenitores ou titores legais dos rapaces e rapazas e mais aqueles que tivesen a ben acompañalos estarían obrigados a aboar unha módica cantidade de diñeiro por mor dos consabidos gastos de mantemento que todo “sarao” acarrexa. En troco, serían testemuñas de excepción do comportamento do seu herdo xenético lonxe do fogar, permitíndolles, se quixeren, tomar apuntamentos e aplicar, se o estimaren oportuno, as debidas medidas correctoras. O foxo e os burladoiros ocuparíanos os membros de Protección Civil, Bombeiros, Cruz Vermella... por se tivesen de administar os primeiros auxilios. A porta grande abriríase só en caso de coma etílico ou delirium tremens. Tras a esmorga, unha varredura cos “Citycat” e até o vindeiro xuntoiro. No rueiro de San Roque, agardaría paciente unha moderna frota de “noitebuses” que conduciría os superviventes alí onde dispuxesen. Non vaia ser que morran na estrada e afeen as estatísticas. Cando as Peregrinas, coa eclosión das “peñas”, as instalacións do novo Pasarón poden dar avío. Esta segunda proposta acompañaríase de seu cun amplo abano de posibilidades deportivas, se aínda hai quen se teña en pé. A alternativa de Pasarón propiciaría ademais un fermoso quid pro quo, xa que o refugallo orgánico é esterco de primeira.

Sería bo, e xa remato, pois non quero abouxalos co meu remuíño de ideas, someter a debate a oportunidade de organizar como actividade escolar para o vindeiro curso unha serie de visitas guiadas para o alumnado de Educación Primaria (procuraríase evitar, neste caso, que pais e profesores compartisen bancada, en previsión de enfrontamentos). Os educadores poderían deste xeito ilustrar os seus ben intencionados consellos con algún caso práctico e glosar en idade temperá os riscos da procelosa adolescencia.
.
26-9-2007
.
>>>
Fotografía: Praza de touros de Pontevedra, botellódromo alternativo.
.
.

18/9/07

A MONTAÑA MÁXICA

.
.
Aínda hoxe me pregunto que caste de “cranios privilexiados” argallaron a desfeita do monte do Seixo. O Seixo, capacete enfesto da serra do Cando (vallan os 1.015 m de altitude do Outeiro do Coto), serve de linde e vincallo aos concellos de Cerdedo, Forcarei, A Lama e Cotobade e mesmo ás provincias de Ourense e Pontevedra. No cabo da pasada centuria, apelando a non sei que andrómenas estratéxicas, os gobernantes de outrora concedéronlle á empresa vasca Gamesa os dereitos de explotación dun desmesurado parque eólico. Sei de boas fontes que os estudos de impacto ambiental e arqueolóxico que outorgaron luz verde á instalación do enxeño eléctrico foron unha babecada. Só hai que subir ao lombo da montaña e contemplar o macabro espectáculo. A serra do Cando intégrase nesa entelequia denominada Rede Natura pois, neste país, as figuras de protección do patrimonio valen o que unha vaca escrocada na feira. Non hai espazos naturais máis ameazados ca os que locen a bitola de protexidos. Para máis inri, tornando ao Seixo, as contrapartidas económicas para as aldeas prexudicadas, esmola. Os beneficios para as sucesivas multinacionais que, após Gamesa, gozaron dos dereitos de concesión (Marubeni, J-Power, BBW-Olivento, FCC...), pingües.

Ben, verbo da miña candidez inicial, xa sei o que están a pensar. A resposta é ben sinxela. Só hai que pescudar no papelorio para determinar quen era que, na administración autonómica e local, alá polo ano 2000, cando se perpetrou tamaña felonía. O mal xa está feito –e polo que se ve, aínda por facer–. Turren os aludidos do carro da súa consciencia.

Deixando a un lado o remorso e fincando a esperanza no porvir, se nos doe o monte do Seixo é porque sen dúbida estamos diante dun espazo natural privilexiado. A altura, con día claro, permite enxergar as rías de Arousa, Pontevedra, Vigo e o mar alto. Os horizontes máis afastados pousan mainos na palma da man. No verán, os veciños das aldeas estremeiras festexan nas súas lombas e picoutos a romaría da Santa Mariña e a romaría da Cruz, abofé cristianización de antigas ritualidades pagás. Non hai nada máis grotesco que participar na liturxia, sexan cales sexan os credos e as conviccións, véndote arrodeado das ciclópeas tarabelas, abafado, abouxado pola súa desacougante renxedoira. Ducias de esteos de follalata ennegrecida profanan a beleza incontestábel do lugar, aínda así engaiolante.

Amais da súa singularidade biolóxica e paisaxística, o monte do Seixo é unha montaña “máxica”. Este é o seu máis acaído apelativo, xa que unha oportuna pescuda etnográfica obtivo como resultado a catalogación de cando menos 30 estacións míticas asociadas a outros tantos recantos da súa orografía. O monte do Seixo convértese así, sen custo ningún, no máis primoroso parque temático da nosa mitoloxía popular: Chan de Mamas, Lagoas de Xestido (onde seica se localiza a cidade asolagada de Trentinán), Laxa Mosqueira (xa enxalzada por Sarmiento no século XVIII), Almadraque de Pirocha, Trampa do Lobo, Cruz do Seixo, Portalén (segundo os aldeáns, a porta do Outro Mundo), Marco do Vento, chaira da Santa Mariña (onde no ano 2000 se atopou un fragmento de ara votiva arrasada pola maquinaria), Outeiro da Cama (relacionado con rituais favorecedores da fertilidade), Castro Grande, etc., etc., etc.

Desque se deu por inaugurado o “Roteiro da Montaña Máxica”, no mes de decembro de 2005, moitos foron os persoeiros do mundo das artes e das ciencias que nos teñen acompañado na súa descuberta, entre outros, os prestixiosos arqueólogos Pablo Novoa e André Pena, os cales non escatimaron gabanzas para a montaña e para o labor cultural nela desenvolvido. O mesmo André Pena, en visita efectuada o pasado domingo, 8 de setembro, salientou a urxente necesidade de que a autoridade competente se implique sen reservas no proxecto “Montaña Máxica”, apadriñado pola Asociación Cultural Verbo Xido, para, efectuados os investimentos necesarios, converter o monte do Seixo no referente da cultura celta a nivel internacional, co que iso suporía como acicate turístico, daquela económico, para unha bisbarra, a Terra de Montes, que esmorece pola falla de iniciativas ilusionantes e subordinada a alleos intereses (parques eólicos, AVE, hidroeléctricas...). Menos xogos de guerra, “noches ibicencas” e touradas e máis pór en valor a historia e tradicións de noso. Así sexa.
.
Diario de Pontevedra, 18-9-2007
.
>>>
Fotografía: Portalén (monte do Seixo).
.
.
Véxase o tríptico-guía en Galicia Encantada:
.
.
.
.

15/9/07

13/9/07

VAIPOLORÍO

.
.

O río dos Gafos ten o nacedoiro na freguesía de Figueirido, no veciño concello de Vilaboa. Sen nome de seu, o río foise apropiando do celme onomástico das súas ribeiras en troco dun beixo húmido e confortante: o río dos Gafos, ou dos Ghafos –pois a gheada é trazo dialectal característico–, o río da Estación, o río do Cocho, o das Veighas da Porta, o río do Toxal, o río de Tomeza, o río das Brañas, o río dos Ghatos, o de Detrás do Pino, o do Ghorghullón, o río Ghrande, o do Reformatorio, o río de Divina, o río do Menexo, o da Estación Vella, o de Campolongo, o río da Taboada, o dos Pelamios, o río da Gholeta, o río dos Pozos, o río do Peilán... achegan o seu doce quiñón á ría de Pontevedra, onda o peirao das Corvaceiras, a carón do rueiro da Moureira.

Gafo (quizais do árabe qafa “contraída, cos dedos dobrados”) é infeccioso, sarnoso, leproso, laceirento..., mais non cualifica o hidrotopónimo a calidade das augas senón o seu uso salutífero e vivificador. Preto da desembocadura do río, na Moureira de Abaixo, antigo casar de mareantes, aínda sobrancea a solaina da que foi medieval leprosaría, hospital de san Lázaro, santo avegoso da lepra ou mal gafo. O río deu en tempos alivio aos afectados por esta terríbel doenza e nós, en pago, recuncamos na lideira de convertelo nun fedorento vertedoiro.

Celebramos o labor de acondicionamento e limpeza que ao longo do ano 2007 desenvolveron a Xunta e o Concello de Pontevedra nas marxes do río. As tarefas de recuperación e conservación cómpre agora orientalas cara á mellora da condución das augas fecais que discorren á súa beira, na rehabilitación, por exemplo, da medieval ponte do Couto, segundo algúns estudosos, un dos dous vaos da Pontevedra romana, ou na exclaustración da súa travesía por Campolongo. Alén de pasadeiros de madeira e vereas anticolesterol, un río é fundamentalmente auga que flúe ceiba e límpida de seu.

De sermos respectuosos co ambiente, con “aquilo que nos rodea”, o río, que é de todos –tamén de quen o emporca pola calada–, valeríase en por el para se amosar garrido e vizoso aos nosos ollos. No seu treito alto, o Gafos, sempre preguiceiro, adobía a súa distinguida indecisión con verde gabán flocado de sombras e rechouchíos. Pontes e muíños, enxeño dos ourives da pedra, sonlle torques e arracadas. Vello agarimoso e sabio, o noso río ameniza a paseata dos que a el entregan o seu lecer con lerias de mouras arroubadoras, trasnos rebuldeiros e inquedantes lavandeiras enloitadas. Mentres o río soe, encha, devale non haberá fame ningunha na aldea, pois o Gafos leva toda unha vida, a súa, achegando auga ás colleitas, enfiando pontigos e peares, remudando lavadoiros, facendo bailar os rodicios da moenda, mais tamén convidándonos en cada reconca e relanzo á descuberta do seu farto tesouro natural, preservado incólume pese á nosa cega ambición e inexplicábel desleixo. Con ben pouco se contenta a natureza!

Os amigos de Vaipolorío devolvéronlle o alento a un Gafos esmorecente e agora cangan coa obriga perdurábel de manter viva a troita do seu xorne. Sete anos despois e miles de quilos de inmundicia retirada do seu leito fixeron posíbel o restablecemento dunha mancada anatomía. A benéfica asociación concedeulle ao río unha nova oportunidade e asemade nola concederon a todos nós. Cómpre non baixar a garda, cómpre non colgar aínda as botas de goma, xa que un negro nuboeiro de ferro e formigón se bosquexa no horizonte.

Así como o voo dos cabaliños do demo dan testemuño da salubridade fluvial, o rebulir de colectivos como Vaipolorío testemuñan a boa saúde da sociedade, impeléndonos a erguer a vista do embigo e a maxinar que aínda hai esperanza.

Vao, Arnela, Insua, Ponte, Olleiro, Lentura, Ola, Reconca, Illó, Ourela: VAI POLO RÍO!

Diario de Pontevedra, 13-9-2007
.
.

6/9/07

A VERDADE SÓ TEN UN CAMIÑO

.
.

A fatídica noite do 13 de agosto de 1936, un fato de fascistas de Cerdedo, ao acubillo das tebras, someteron a crúa tortura e deron morte aos seus veciños Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias, sindicalistas da CNT, no antigo quilómetro 74 da estrada de Ourense, preto do lugar denominado Ponte do Barco. Agochados no anonimato “a voces” foron dilixentes brazos executores de quen, dende a capital da provincia, demandaba insaciábel "chicha, mucha chicha". Abríase deste xeito a veda dos leais á República, dos ateos, dos “roxos”..., nunha hobbesiana caza ao home, labor rigoroso e sistemático que tiña por obxectivo envorcar o estado das cousas, sementar o terror e erradicar o libre asociacionismo e a pluralidade de pensamento. Incoábase a represión. Xa nada volvería ser coma antes, nada e ninguén in statu quo ante. Os golpistas afanáronse, con éxito, na reconstrución do pasado, profanaron o recordo e converteron as vítimas, salvagardas dun goberno legalmente establecido, en indesexábeis, inxectando o repudio e a vergonza nas súas familias.

Setenta anos despois, ao abeiro do Ano da Memoria, auspiciado por unha nova vontade política alicerzada así mesmo na soberanía popular, a Asociación Cultural e Ecoloxista Verbo Xido de Terra de Montes, co gallo da 4ª Xornada Cultural “Terra de Tod@s”, viuse na obriga moral de erguer na Ponte do Barco-Pedre (Cerdedo) un humilde monumento que honrase os malfadados Arca e Bugallo, estendendo a homenaxe a todos os cerdedenses mortos a mans dos franquistas no concello de Cerdedo.

Xa o 13 de agosto de 2006, o día da agardada inauguración, o monolito da Ponte do Barco sufriu o embate do fanatismo irracional que aínda supervive na aldea de Pedre. Aqueles que, favorecidos polo caos incendiario dese verán, prenderon lume no entorno do monumento e abrasaron a lápida, espoliárona días despois, arrincando con saña a súa placa conmemorativa. Tales delictos non foron merecentes da atención das forzas de orde pública. Na devandita placa líase e lerase: “Francisco Arca Valiñas – Secundino Bugallo Iglesias. Ponte do Barco – Agosto de 1936. Morreron pola liberdade”. A asociación Verbo Xido e a vontade da boa xente que acode solidaria aos seus actos e actividades en Terra de Montes fixo posíbel a pronta restauración do roubado.

Meses despois, a finais de xullo de 2007, uns días antes da celebración da 5ª “Terra de Tod@s”, e por terceira vez, o monumento que debera ser orgullo dos cerdedenses, foi novamente vulnerado. Verbo Xido agradece as achegas, moitas delas anónimas, que farán posíbel a restitución do alleado unha e mil veces máis.

En resposta á triste repercusión que estes lamentábeis feitos teñen no seo das familias das vítimas, no seo dos colectivos que ao longo e largo do país teiman na recuperación e promoción do noso patrimono histórico e cultural e, en xeral, no seo da sociedade galega conscienciada, as autoridades, e en concreto a corporación municipal de Cerdedo, deberan expresar a súa máis enérxica condena a estes actos. Mais a ambigua, medrosa e vacilante actitude dos edís cerdedenses –lémbrese o sibilino trasacordo preelectoral do goberno de Cerdedo, onte e hoxe nas mans da dereita, verbo da rúa que no lugar leva o nome dun alcalde falanxista–, propicia a actitude desafiante duns cantos nostálxicos do anterior réxime que co vento a favor, mais a contracorrente, coartan outra volta a liberdade de todos os veciños e pexan o labor dos investigadores desexosos da recuperación e clarexamento do noso pasado recente en prol da verdade e da xustiza.

Como di o pobo: “A verdade só ten un camiño”. A empencha do radicalismo reaccionario e trasnoitado non nos debe amedrentar. Ánimo daquela para os compañeiros Dionísio Pereira e Alfredo González, reputados intelectuais, valentes adaís da liberdade, homes xenerosos que supeditaron o seu benestar aos intereses da comunidade. Non estades sós.
.
Diario de Pontevedra, 6-9-2007
.
>>>
Fotografía 1: Roxerio Arca, fillo de Francisco Arca, a carón do monumento na honra e lembranza de seu pai.
Fotografía 2: Monumento aos mártires cerdedenses (Ponte do Barco-Pedre).
.
.

2/9/07

PACO SUTIL, ARTE PICTÓRICA


Quen deu por esvaída a fermosura? Quen se afana en murchar o arco da vella, o abrente, o solpor, o setestrelo? Quen enxerga apazugar o ánimo crebado no esgrevio xergón da fútema? Malpocados. A beldade aínda campa, aínda reina nos recantos intocados, nos secretos paraísos dos poetas, na lenturosa ensoñación dos pintores, pegureiros da natureza indómita.

Só o artista, caste senlleira, sabe das vereas, dos peares, dos pasadoiros acochados, roteiros iniciáticos que conducen o espírito perante o espello das esencias; quizais unha folla en branco, quizais un branco lenzo, quizais unha lene saba de neve encol dos picoutos da soidade...

E acordamos os ollos esgotados de mundo ao verde das ribeiras que recenden a troita e á fariña das moendas de outrora. Tanxe o vento na folla de bridos e ameneiros. Bea unha ovella, brada un boi. Regalamos a vista cansa ao azul dos cantís e mar aberto –o salitre presentido axota o pestanexo–. Espeta o carrán coma lóstrego. Larga o pano unha dorna.

Rebumbio de xente. Pendello a pendello, a vida é romaxe. Rabúñanos arestora a miraxe da augardente, leite pagán da alquitara; do caldo albariño, do caíño que risca a súa negra pouta no luar da cunca. Goréntanos o molete, froito da seara triga, acabadiño de enfornar, amosando impúdico o miolo, aínda quente. Que mellor leito para unha onza de polbo á feira? Que mellor cameiro para unha sardiña de San Xoán?

De socate, o rubir fricativo da foguetaría asolaga os sentidos, cobra fatua, bulleiro de pólvora, cadoiro de estouros abouxantes. Irrompen as gaitas no torreiro, andoriñas de fol. Torna o gaiteiro da música, gado rebuldeiro, e acortíñao en pasarrúas, muiñeiras, alboradas... Gaiteiriños da Galiza, rexos mariscais do sentimento, rubio sangue e acibeche nas galas. Emerxe dos piagos da alma un aturuxo, pois cadora, cómpre tirarlle o testo á emoción que ferve. Céibanse as pernas ao antollo do redobrante e, daquela, as pólas do corazón estalícanse de corvos e amargura. Oxalá fose eterno este intre.

Eis o universo do mestre Sutil. Os seus corpos celestes ordénanse coma mazás maduras na herbeira, á roda da mazanceira abaloirada pola airexa do agosto. Arte pura, límpida, reconfortante. Pintura exenta dos adobíos da falsa modernidade. Pintura intemporal, eterna, á contrafío das modas. Testemuño dunha beleza pretérita ou ameazada. Valioso documento etnográfico. Cando a nosa identidade se sublime no fumeiro da lembranza, a pintura de Sutil, frauta engaioladora, deitará no chan un fío de faragullas, chamaranos docemente, convidándonos a atravesar a tea por ver de achar no outro lado os vestixios de quen vimos sendo.

2-9-2007
.
.