31/10/08

ALTERNATIVA ECOLÓXICA para o MONTE DO SEIXO. Proxecto "MONTAÑA MÁXICA"

.
.
.

O monte do Seixo (Pontevedra-Galiza), fermosa paraxe transformada no ano 2000 nun arrepiante parque eólico, foi na antigüidade un lugar sagrado para as comunidades precristiás. Os modernos rituais vencellados á Cruz do Seixo e á ermida da Santa Mariña son vestixios desa pretérita condición. Os restos arqueolóxicos e a tradición mitolóxica bosquexan a montaña coma un inmenso altar onde no pasado se lle rendeu veneración á divindade Nai Terra. (Léase neste blog: A Montaña Máxica (setembro, 2007)).

O Outeiro do Coto, ao norte; o coto da Santa Mariña, ao sur; a Cruz do Seixo, ao leste, e as tres penas (Penadrosa, Penadaigha e Penarredonda) ao oeste son os lindes do territorio sobre o que cómpre actuar. As medidas correctoras deben ser, como mínimo, as seguintes:

-Retirar os aeroxeradores do “circo máxico” da montaña ou diminuír considerabelmente o seu número. É prioritaria a actuación sobre o Outeiro do Coto, Chan de Mamas, Cruz do Seixo, Portalén e o Castro Pequeno.

-Devolverlle ao monte a súa fasquía orixinal, mantendo as pistas que conducen ás estacións míticas e facendo desaparecer as innecesarias.

-Modificar os accesos ao monte, relocalizando o actual aparcadoiro de Chan de Mamas.

-Recuperar as lagoas de Xestido, desecadas o século pasado por mor do fracasado proxecto do pasteiro.

-Restaurar o trazado do valado do pasteiro alí onde fose mester.

-Descubrir as antas de Chan de Mamas liberando a Mámoa Ghrande do alcatrán que hoxe a aldraxa.

-Reconstruír total ou parcialmente o cortello lobeiro de Trampa do Lobo.

-Axeitar a entorna da Cruz do Seixo.

-Recrear o altar votivo da Santa Mariña.

-Reconstruír o milladoiro (Moreón das Pedras) da Fonte da Urce, ao pé do camiño de Doade.

-Repoboar as lombas do monte con especies arbóreas autóctonas. Talar os eucaliptares.

-Habilitar unha aula de interpretación da “Montaña Máxica” (parque temático da mitoloxía popular galega) que achegue ao público o tesouro natural e cultural que agocha, musealizando os achados arqueolóxicos. O edificio do transformador ou o antigo albergue da escola de parapente –hoxe, arruinado– son dúas boas opcións. A construción pódese complementar cun observatorio astronómico.

-Colocar os necesarios paneis informativos e sinaladores e mais editar folletos-guía. As obsoletas casoupas da antiga Forestal (Outeiro do Coto/Coto da Santa Mariña), privilexiados miradoiros, poden acoller a panelaría, gorecéndoa do ventimperio.

-Prohibir o acceso ao lugar de vehículos motorizados: automóbiles, motocicletas, quads... (agás os relacionados coa explotación gandeira, gardaría e vehículos de emerxencias).

-Permitir o acceso de persoas a pé, en bicicleta ou a cabalo.

-Delimitar zonas de acampada: ben ao abeiro do arborado, ben na chaira da Santa Mariña, ben no campelo do Castro Ghrande, onde, previo rexistro, se poida gozar do contacto directo e respectuoso coa natureza.

-Organizar visitas guiadas en vehículos especiais para todo aquel que as solicite, especialmente as persoas de idade ou os discapacitados físicos.

-Adobiar o “circo máxico” cos seguintes elementos:

-Escultura de Frei Martiño Sarmento no Outeiro do Coto, acompañada da seguinte inscrición:

A cinco e a seis leguas do oriente de Pontevedra, corre unha cordilleira de montaña de norte a sur, até Portugal. Unha chámase o Suído, e a que está máis ao norte, o Seixo; pero ao nordés da dita vila, a dita cordilleira divide o “País marítimo” do “País de terra dentro”; e os que estiveron no cume do Seixo din que des alí se ve toda a mariña de Vigo, Pontevedra, Arousa..., e todo o mar alto.

-Escultura do Tecelán de Carballás a carón da Mámoa Ghrande de Xestido.
-Escultura do boi Pecheche no Campo do Boi.
-Recreación da espadana da igrexa de Trentinán, a lendaria cidade asolagada, no centro da lagoa Media.

-Etc.
.
O 15 de abril de 2007, no Outeiro do Coto, co gallo da 3º edición do “Roteiro da Montaña Máxica”, a Asociación Cultural e Ecoloxista Verbo Xido de Terra de Montes deu lectura á súa alternativa ecolóxica para o monte do Seixo. O texto foi editado con posterioridade no libro Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica (2007).
..
A prensa local fíxose eco da iniciativa:
.
.
>>>
Fotografía 1: Monte do Seixo ou parque eólico do Seixo?
Fotografía 2: Panorámica do monte do Seixo (hoxe, parque eólico). En primeiro termo, a asoballada chaira tumularia de Chan de Mamas.
Fotografía 3: Lectura da alternativa ecolóxica para o monte do Seixo.
.
.

25/10/08

DELICTO CONTRA O PATRIMONIO (Roteiro Sarmiento - Cerdedo)

.
.
.

A cotiá lectura ou escoita dos noticieiros obrígame a pensar –e agora, a escribir– que as funcións da meirande parte dos xestores da cousa pública debéranse limitar ao pago dos recibos da luz e, isto, con testemuñas.

En páxina impar dun xornal do 23 de outubro do presente, informeime da xuntanza de traballo mantida en Compostela pola conselleira de Cultura e o fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. Para a Fiscalía do TSXG fan falla “máis denuncias xudiciais sobre delictos contra o patrimonio galego”. Tal evidencia leva a devandita institución a concluir que “probabelmente existe unha cifra negra (de delictos) que está por agromar”, e por mor de, “aposta por sensibilizar os cidadáns, as asociacións e as administracións, en especial, os concellos”. Respecto ás administracións, xa locais xa autonómicas xa estatais, eu coido que é pór a raposa a coidar do galiñeiro.

Na páxina par do mesmo xornal, tamaño paradoxo, leo con espanto o proxecto de instalación de 1.000 novos parques eólicos en territorio galego. Ao abeiro da miña ignorancia ou da miña candidez, acho o conforto, xa que estou certo de que non hai no país nin tanto vento que remexer nin tanto monte que escarallar nin tanta vontade que mercar, para por en pé tanta ferralla. Bendita inocencia.

Se coa instalación do parque eólico (un cento de tarabelas) no monte do Seixo (Rede Natura 2000), amais da paisaxe, a fauna, a flora e os humidais, víronse afectados, que se saiba, os xacementos arqueolóxicos de Chan de Mamas e Portalén, dóeme maxinar o que se nos vén enriba. Parodiando o poeta: “Mil parques eólicos máis para o patrimonio galego”. Agardo que estas miñas palabras non se paguen con ameazas de morte, segundo se estila, pois o humildoso mensaxeiro desexa seguir vivindo na súa terra; ben, na que lle deixen.

Non esquezan sumarlles aos enxeños eólicos o variado de canteiras, acuícolas e hidroeléctricas, e a guinda, mellor “guindilla”, do AVE.

Volvo á páxina impar do devandito xornal. Nela tamén se fai relación do espoliado na Galiza no primeiro semestre de 2008, a saber: tres imaxes, unha cruz, un cruceiro, xoias de prata e dous arados, en Pontevedra; un lenzo, cinco campás e dúas pías bautismais, na Coruña; pintadas na catedral de Lugo e dúas tallas furtadas na de Ourense; ah, e unhas obras realizadas sen autorización por un veciño nunha capela, tamén en Ourense.

Para que demo quererían os arados? Haiche ladróns ben pouco avisados. Xente nova; estou certo de que non sabían que hai que turrar por eles.

Mentres a conselleira e o fiscal amosaban na cidade compostelá a súa preocupación polo roubo dos arados, o touro montesío agardaba indefenso polos quiñentos pares de banderillas. Repito que non hai becho que resista o castigo.

Mentres o fiscal e a conselleira reprendían o veciño que se atrevera a amañar a pingueira da capela con uralita, en Cerdedo, o Concello, coa anuencia de Medio Rural e Patrimonio, transformaba trescentos metros do “Roteiro Sarmento” (PRG-69), treito dun camiño medieval sito entre as aldeas da Revolta e Cavenca, nunha autovía. As obras aínda non están concluídas, mais a carón do alcatrán –outra cousa non, pero chapapote…–, agardamos beirarrúas de lousa prefrabicada e farois estilo “Princesa Letizia”.

Acábaseme de ocorrer quen pode turrar dos arados. Estamos como queremos.
.
26-10-2008
.
>>>
Fotografía 1: Fasquía do camiño que comunica as aldeas de A Revolta e Cavenca (Cerdedo), antes da malfadada intervención do Concello e Medio Rural.
Fotografías 2 e 3: Penúltimo atentando contra o patrimonio cerdedense: treito do “Roteiro Sarmento” ao seu paso pola aldea da Revolta.
.
.
Léanse ademais:
.
.
.
.

12/10/08

Pregón da X FESTA DA MAZÁ E DA SIDRA (Sto. Tomé de Piñeiro - Marín)


Saúdos, miña xente; verbo xido, xompelas de moi, que deste xeito se ghalrúa ou di na xerga antiga dos pedreiros de Montes, de onde son e veño.

E da Terriña de Montes, de ao pé da máxica montaña do Seixo, a onde devotos acudistes no pasado recente, achego palabriñas de amor, gratitude e gabanza para vós, veciños e amigos de Santo Tomé de Piñeiro, rebezos emprendedores, pois mazá a mazá, maceira a maceira, pomar a pomar acadastes dez xeiras exitosas da vosa/nosa artesá, cordial e edificante “Festa da Mazá e da Sidra”.

Nela, meus vigairos, amais de enxalzar a prodigalidade desta terra, deste voso país pequeno, deste pobo que hoxe tan agarimoso me acolle e outorga a quenda da palabra, fixestes realidade o feliz proxecto de elaborar, segundo sabenza ancestral, a mellor sidra do mundo.

Distinguidos mordomos, druídas detentores dos segredos deste zume espirituoso, o vento mareiro, a airexa vivificadora do largacío mar de Marín empreñou a vosa alma e o voso lar verdecente do seu pulo fertilizador, esperma de primeira calidade, e agora exhibídeslle oufanos ao mundo a resulta do voso natural angueiroso e do ricaz terrón que terma dos nosos pés. Non afrouxedes xamais nunca no empeño, os camiños e vereas do mundo están cheos de peregrinos famentos e sedentos aos que confortar por misericordia.

Non lles quero restar mérito aos asturianos, mais con esta materia prima, tan apreciada na veciña Asturias, coa froita destas vosas benignas herdades, é normal que a sidra “El Gaitero” sexa “famosa en el mundo entero”. Mais eu digo arestora, e convídovos a que comigo digades, que a sidra de Santo Tomé de Piñeiro é xa famosa no universo enteiro, e máis alá.

E se aínda queda mercado por conquistar, dende aquí invoco a presenza dunha embaixada extraterrestre, pois no caso de non se atoparen mananciais no estremeiro planeta Marte, amarre a NASA nun foguete un cento de bocois desta sidra co aquel de facer máis levadeira a vidiña por aquelas adustas latitudes.

Boto a vista atrás e lembro a miña avoa apañando nas mazás restrolladas na herbeira da Veigha da Porta, ora no van do mantelo, ora no coleiro da vendima, ora no fardel do muíño: sangue de boi, cagulos, cregueiras, pardas, pegorellas, pel de sapo, rabos de can…; verdedoncelas, ratiñas, camoesas, tresencuncas, xoaniñas, tabardillas, reinetas e repinaldos.

Lembro a miña avoíña escolmando de entre a colleita a mazá máis feita e xeitosa. Lémbroa na eira, chamando por min: Calros, Calriños!; agasallándome coa peza máis requintada: Colle neno, come a mazá que ten moita vitamina. E coma se agora fose, véñenseme aos ollos as cores verdugas, marelas, vermellotas, todas tres refolguexantes, da froita ventureira, regalía dos deuses; vénseme ao nariz o arroubador arrecendo da bagaña menciñeira, libre de ZZ’s e chuvias acedas –a fútema da Celulosa disque non galga alén de San Xurxo de Sacos–; vénseme ao tacto a súa pel donda, faciana nova da natureza, embebida na súa teimosía rexeneradora. Vénseme ao oído o touporroutou da froita cumprida ao se desprender das pólas e bater no chan, xa todo unha alfombra froital; e vénseme á lingua unha marusía, rolando a forte marusía, de sabores e aromas asolagando a praia dos beizos… E, sexamos realistas, mesmo os máis acérrimos vexetarianos non aborrecen na mazá a substanciosa carniña do verme, ronco, eiruga, escolopendra ou cadela de frade que do miolo da froita fan maseira ou acubillo; ummmm!, verme tenro galego con denominación de orixe. Todo se aproveita da mazá agás o rabo, mais cando a larica é boa e a mazá, gorentosa, ríllanse nela o carozo, as pebidas, o rabo e mais o nacedoiro. Cómpre non deixar pegada do delicto.

Colle neno, come a mazá que ten moita vitamina. Pregúntome se a miña avoa atinxía o significado certo da palabra “vitamina”, misterioso vocábulo este. Se queren que diga verdade, eu non lles sabería explicar que demo é unha vitamina, mais a miña avoa debíao ter moi claro, xa que cada mañá, ao espertarmos, ben antes de raiar o día e tras os rezos, cando nos xuntabamos na cociña para almorzar, a vella mesturábame lixeira unhas xemas de ovo cunhas fechas de viño Sansón e recuncaba: Bebe neno o xarope, que ten moita vitamina. Eu, con esa sobredose de vitaminas, marchaba con ela para a leira facendo fufú coma o ghato.

Confésolles saber un nadiña de pouca cousa, confésolles non saber nada de mazás e moito menos da sidra e dos segredos da súa fermentación e repouso. Só sei abocalas e envialas ao bandullo con avidez. Só sei que a froita das maceiras da Veigha da Porta das Raposeiras erá saborosa abofé e digo era porque, xacando, no sitio das maceiras, plantáronse un magnolio e un liquidámbar e os seus froitos, desgrazadamente, sábenme menos.

Acirrado pola honrosa encomenda de pregoeiro, remexín na ucha do tempo ido, procurando con nostalxia as mazás da miña vida. Representáronseme ao instante as sobreditas maceiras do eixido das Raposeiras, mais tamén as xenerosas maceiras do nabal de Ghumersinda, porta con porta, xa que, como sabedes, público experiente, a froita roubada é a que mellor sabe. Tras o día de hoxe, as vosas mazás, a habelencia das mazanceiras da freguesía de Santo Tomé de Piñeiro (Marín) han madurar no meu maxín como madurece a froita pousada nunha arca ateigadiña de centeo.

A historia da mazá, corpo esférico onde os haxa, aseméllase moito ás vicisitudes dun partido de fútbol, a saber:

O demo pásalla a Eva, Eva pásalla a Adán, ranqueante dunha lesión nas costelas; Adán e Eva controlan a mazá coa man e o árbitro, un tal Gabriel, algo caseiro e amaneirado, chifra penalti e expulsión. De nada valeron as protestas, Adán e Eva foron chimpados do terreo de xogo.

No palco de autoridades, a deusa Tetis e o rei Peleo escenificaban con bicos e apertas os desexos de fair play e jogo bonito. Eris, unha seareira radical, interrompeu a idílica escena levando á bancada do fondo sur a mazá da discordia; dígolles que se armou a guerra de Troia. Cargaron os antidisturbios, reduciron a Eris, non sei se celtarra ou riazor blues, e, finalmente, tamén conseguiron botala do estadio olímpico.

Volvendo ao partido, Branca de Neve, capitá dun equipo de ananos, ocupaba o seu lugar baixo os tres paus; quen, se non? Nestas, un xogador rival mandoulle con efecto unha mazá envelenada; Newton, dianteiro inglés, coma sempre, desmarcado, colocoulla coa testa ao pichichí da liga, o suízo Guillerme Tell, que non sei se tiña unha bésta ou o tío era moi besta, o caso é que no canto de empurrala a gol, escarallou a mazá en mil anacos, cando o seu fillo, que tamén xogaba, ía rematar de cabeza coa portaría baleira. Fin do partido e desta historia, xa que se acabaron as mazás.

Falando de cousas serias, meu pai dicía que o país galego acadara as excelencias do primeiro mundo cando a xente deixou de apañar as mazás da maceira da Encorcillada, na aldea de Abelaíndo. A froita da dita maceira é tan agre, tan rabina –como din alí–, que nin o gando lle abeira o fociño. Da noite para a mañá, os galegos abandonamos o lúgubre vagón de terceira e agora viaxamos escarranchados no compartimento dos novos ricos; todo nos sobra e nada nos chega. Oxalá non teñamos que voltar a Encorcillada e deixar os dentes na polpa aceda daquelas mazás. O día que alí atopedes a alguén anicando o lombo na apaña daquela froita, tende por certo que chegou o intre de mudar de tren de vida, pois os bancos terán desbaratado todos os nosos aforros.

A “Festa da Mazá e da Sidra” de Santo Tomé de Piñeiro, máis alá da particular exaltación gastronómica, máis alá da festa rachada, sérvenos de lección exemplarizante. Na idade do consumismo irracional, na idade do dispendio salvaxe ditado pola moda, na idade do ensimesmamento, enche o peito de esperanza vervos, cóbado con cóbado, en prol da dignificación da vosa comunidade e en prol do aproveitamento dos vosos recursos naturais. Noraboa.

Na tesitura de pór en relación as mazás coa estupidez do ser humano, voulles recordar o coñecido experimento polo cal se trataba de comparar a intelixencia dun chimpancé (nome científico: Pan troglodytes) coa dun home (nome científico: Homo sapiens sapiens), ambos os dous primos irmáns. Os estudosos pecharon a parella de animais en cadansúa gaiola de vidro baleira e transparente, tras matalos de fame unha semana. No chan de cada unha das gaiolas, fixaron un bote, tamén de vidro transparente, de boca estreita, e no interior dos botes pousaron unha rechamante e olorosa mazá. O asunto pasaba por ver cal dos dous bechos se facía antes coa comida sen machucala nin esnaquizar o bote. Os científicos puxeron en marcha os cronómetros e, como poden intuír, instantes despois, o repoludo chimpancé extraeu a mazá do seu recipiente e, con actitude burlesca, chapouna dunha dentada. O home aínda está hoxe a darlle voltas ao enigma. Os meus alumnos da ESO, así que lles conto a anécdota, devecen por saber da estratexia que empregou o mono. Eu, despois de facelos rabiar un anaco, explícolles que mentres o home teimaba en extraer a peza de froita atinxíndoa coa man aberta, o aleuto chimpancé espetara o seu dedo furabolos –de aí que lle puxesen tal nome– no nacedoiro da mazá, tirándoa para fóra sen atrancos. Os nenos, ao coñecer a brincadeira da mona Chita, escachan coa risa. Eu, como poden comprender, fico moi satisfeito da ocorrencia, porque de cando en cando cómpre rir dun mesmo.

Teño a gorxa seca e isto non o pode dicir o pregoeiro da “Festa da Sidra”, así que, co seu permiso, voulle ir pondo o ramo á esta perorata. Se lles parece, prégolles que me acompañen nun brinde; mellor, acompáñenme nun brinde encadeado.

Ímonos coordinar axeitadamente; fáganse coas súas doses de bebedizo. A cada brinde que eu faga, vostedes, de viva voz, antes de meterlle un gulapo á sidra, deben respostar, vaso en alto, repetindo a fórmula ritual que empregan os canteiros de Cerdedo e Terra de Montes nas súas celebracións, e que é a seguinte: Oreta en pinzas, domine noster!, que se pode traducir, máis ou menos, por Auga na man por quen organiza a festa! Veña, alá imos, repitan… Oreta…:

1º) Brindemos pola mazá, pola mazá de mesa ou coitelo, pola mazá de sidra, a que hoxe nos convoca; pola mazá de cocer. Brindemos pola raíña das froitas; mellor dito, pola presidenta da República das froitas. Oreta…

2º) Brindemos pola maceira, mazaira ou mazanceira. Brindemos pola árbore que nos fornece ano a ano da froita prohibida, pola árbore da ciencia, do coñecemento, do libre albedrío. Se os eucaliptos desen mazás, os berberechos da ría saberían a mosto e non a azougue. Oreta…

3º) Brindemos pola sidra, caldo de forza, para que chopo a chopo, fecha a fecha, aviveza o lume dos nosos corazóns e rematemos a xornada ouveando agudo coma lobo ceibo na curota do Morrazo. Oreta…

4º) Brindemos polos Amigos da Festa da Mazá e da Sidra; por Manolo e Lucho, do clan dos Riobó; polo querido Josecho, para el vai, especialmente, unha rexa aperta de vacaloura…; por todos vós. Grazas millentas por me terdes asignado tan alta encarga. Mercé ao afecto que me profesades, o meu humilde nome engádese hoxe ao ilustre elenco de pregoeiros desta romaxe pagá. Oreta…

5º) Brindemos, finalmente, pola “Festa da Mazá e da Sidra”, a cal lle desexo mil primaveras máis, tantas como merecedes, Piñeirenses de Marín, mazanceiros altivos. Oreta…

Grazas, estimado público, pola vosa paciente simpatía e pola vosa amábel atención. Até sempre. Viva a Festa da Mazá e da Sidra!! Viva Santo Tomé de Piñeiro!!
.
.
12-10-2008