16/10/09

O ROMANCE DA LAVANDEIRA

.
.
.
.

“En Cerdedo moito pagho e pouco bebo, e de bruxas e meighas pon medo”, espetoume noutronte unha vella de Cotobade cando fixen gabanza da miña ascendencia cerdedense. Coñecía, abofé, esta tataraneta dos heroes do “canón de pau” o vedraño costume das bruxas –que non meigas– de Terra de Montes por se citaren, na véspera do San Xoán, na fonte dos Piollos de Chamadoira co aquel de desparasitar as súas guedellas. Todo enfeite era pouco cando, vinte e catro horas despois, na medianoite da noite máis curta, armaban xolda e parlamento, ou viceversa, co Demo castrón na eira das Neghras da veciña aldea de Abelaíndo.

.

Podería, tempo esquecido, entreterme coas miudezas do aquelarre, mais hoxe, non toca falar nin de bruxas nin de meigas senón de “lavandeiras”. Porén, desengánense, as lavandeiras das que lles vou achegar noticia non aprontan bogadas, nin rexouban nos lavadoiros, nin poñen a roupa a clareo, nin compiten pola brancura; tampouco teñen nada que ver co paxariño rabilongo tamén coñecido por “costureira”, “pastoriña” ou “zarapetelo”, e tampouco non, co egrexio Ramón Lavandeira de Cavenca, mestre e músico, director dunha das bandas de Cerdedo.

.

O obxectivo do presente artigo son os seres mitolóxicos coñecidos por lavandeiras. Das míticas lavandeiras sabía moito Filgueira Valverde que as amentou na súa novela “O Vigairo” (1927) batendo panos no lavadoiro do Peilán, na beira do río dos Gafos de Pontevedra. Das inicuas lavandeiras moito sabe Antonio Reigosa quen lle dedicou unha entradiña no seu “Dicionario dos seres miticos galegos”. Leo, daquela, na enciclopedia do amigo Reigosa: “Mulleres vellas, de rostro seco e engurrado, que viven nas fontes. Acostúmanse a ver de noite lavando. Se alguén pasa, convídano a torcer a roupa. Se o camiñante acepta, ten que procurar non torcer no mesmo sentido ca elas, pois, se o fai, as desgrazas sucederanse e mesmo pode morrer. A roupa que lavan está manchada de sangue que nunca se vai. Crese que son espíritos de mulleres mortas no parto, das que abortaron, ou nais de nenos mortos sen bautizar. Velas é de mal agoiro”.

.

Na folliña do meu “Almanaque” (2005) dedicada ao mito da lavandeira recollido en Cerdedo, engadín que no ano 1904, o escritor e investigador pontevedrés Vítor Said Armesto (1871-1914), o primeiro catedrático de lingua e literatura galego-portuguesa, enfrascado na recolleita de romances populares ao longo e largo do país, escoitou de Lucía Domínguez, unha mendiga cerdedense de 68 anos, un inédito cantar que, a seguir, reproduzo:

.

Era unha noite de lúa,

era unha noite clara;

eu pasaba polo río

de volta da muiñada.

.

Topei unha lavandeira

que lavaba ao par da auga;

ela lavaba no río

e unha cantiga cantaba:

.

–Moza que vés do muíño,

moza que vas pola estrada,

axúdame a retorcer

a miña saba lavada.

.

–Santa María te axude

e san Lourenzo te valla!;

desparece a lavandeira

como fumeira espallada.

.

Onde as sabas tendera,

poza de sangue deixaba;

era unha noite de lúa,

era unha noite clara.

.

Lucía Domínguez legounos a única versión completa desta orixinalísima composición, posto que non se coñecen interpretacións do tema noutras linguas.

.

Podo asegurarlles, sen medo a trabucarme, que, a carón das lendas do Castro Grande do Seixo, do peto de ánimas de Vichocuntín, da ponte romana de Pedre; a carón da igrexa parroquial de Quireza, da eira da Ermida de Filgueira, da necrópole do Campo dos Cans de Loureiro; a carón do verbo dos canteiros, da arquitectura dos mestres Domingos Monteagudo ou Pedro de Arén, o fermoso romance co que a esmoleira Lucía Domínguez agasallou ao estudoso Said Armesto é a achega máis notábel que Cerdedo, no eido cultural, ten ofrecido ao patrimonio da galeguidade e por suposto, á humanidade enteira. O “Romance da lavandeira” é todo un clásico da música galega, mais ninguén valorou na súa xusta medida o mérito de quen nolo transmitiu. É ben certo aquilo de “O pobre non vai ao concello nin se toma o seu consello”.

.

O “Romance da lavandeira” foi envasado en vinilo polos non menos míticos Fuxan os Ventos. O tema, musicado por Xosé Luís Rivas “Mini”, incluíuse no seu longa duración “Quen a soubera cantar” de 1981. Teriamos que agardar até o ano 1999 para que o noso gaiteiro máis internacional, Carlos Núñez, reparase neste melindre cerdedense e o versionase no seu segundo CD “Os amores libres”. Baixo o título “A lavandeira da noite”, Núñez alentou a música e a cantante israelí Noa aqueceu a letra coa súa celmosa voz. Ese mesmo ano, o grupo Nordés interpreta a versión de Fuxan no seu disco “Egobarros namarinos”. Un ano despois, no 2000, os morracenses Astarot gravaron unha versión “heavy” da peza, inserida no seu traballo “O sentir dunha terra”. Finalmente, en 2003, a uruguaia de orixe galega Cristina Fernández recunca co “Romance da lavandeira da noite” no seu disco “Lembranza”. Agardamos pacientes pola réplica d’Os Abrentes de Cerdedo. Ánimo, Rubén.

.

Faro de Vigo, 16-10-2009

.

Fotografía: Mustakim Irsan ("Esmoleira indonesia").

.

.

Tamén se pode ler en:

.

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2009/10/16/o-romance-da-lavandeira/377728.html
.
E tamén, en Galicia Encantada:
.
http://www.galiciaencantada.com/dentro.asp?c=0&id=1617
.
.

No hay comentarios: