14/12/09

FREI MARTIÑO SARMENTO NACEU EN CERDEDO

.
.
.
.

Cando a Academia Galega, con bo siso, determinou dedicar o ano 2002 ao encomio de frei Martiño Sarmento, a asociación Verbo Xido de Terra de Montes daba as súas primeiras bocaladas no valemento da causa cultural na bisbarra. O meu ingreso en Verbo Xido cadrou coa publicación –no mesmo 2002, “Ano Sarmento”– do Inventario xeral da freguesía de Cerdedo. Neste traballo, inspirado no labor sarmentino, xa se explicitaba o forte vencello do frade bieito coa aldea.

.

Nun artigo aparecido no nº 5 da revista Cotaredo –Revista cultural e turística do concello de Forcarei–, do dito ano 2002, minimizábase a importancia de Terra de Montes, ergo de Cerdedo, na vida e obra de Sarmento. Acirrados por tales conclusións, Verbo Xido pediume a elaboración dun outro traballo no que se defendese a tese contraria. Nese mesmo ano, saíu do prelo Cerdedo na obra do Padre Sarmento, libro editado por VX coa colaboración do concello. A primera edición esgotouse hai tempo. Trabállase na pronta reedición, corrixida e aumentada, do referido material.

.

Nas páxinas de Cerdedo na obra do Padre Sarmento deixouse escrito o seguinte (páx. 10): Este fillo de Cerdedo, persoeiro insigne da Europa ilustrada, xamais esqueceu de onde era nin de quen viña sendo, xamais esqueceu a súa orixe galega e cerdedense. A seguir, achegábase unha cumprida restra de pasaxes da obra édita de Sarmento, nas cales o relixioso amentaba con oufanía o lar cerdedense. Modestamente, o libriño sobre Sarmento e Cerdedo probaba que a relación entre o beneditino e a terriña non era cousa menor.

.

Naquelas mesmas datas, enxeñei o Roteiro Sarmento –e mais o tríptico informativo–, baseándome nos itinerarios seguidos polo noso frade nas dúas visitas –das que deixou constancia escrita– realizadas ás Raposeiras de Meilide (viaxes de 1710 e 1745), berce da estirpe dos Gosende, os seus devanceiros. A primeira edición do roteiro, inaugurado por Verbo Xido, celebrouse en maio de 2002. Meses despois, o concello de Cerdedo usurpou sen consulta nin gratitude a iniciativa, desvirtuouna, rexistrouna pola calada (PR-G 69) e transcorridos uns anos (2008), perpetrou o seu asfaltado. Se consultaren a Internet, observarán que son incontábeis os comentarios negativos verbo do estado de conservación da rota, e, mire por onde se mire, salvante o Seixo, no eido cultural, Cerdedo pouco máis ten que ofrecer a quen nos visita sen fame.

.

Tamén por aquel tempo, Verbo Xido recibiu a xenerosa oferta de doazón do pazo das Raposeiras –concretamente, a cesión ad perpetuum da casa matriz–. Os herdeiros do pazo, aveciñados en Asturias, puñan nas mans da asociación o futuro do inmóbel, en troco da súa rehabilitación e placa en memoria dos antigos donos –os lembrados Vitorino e Gumersinda–. Escuros procederes, alleos a Verbo Xido, frustraron o proxecto de converter aquelas paredes no “Museo Sarmento”, para esplendor do municipio. Hoxendía, a casa-pazo das Raposeiras esmorece, ameazando con virse abaixo en calquera momento. Mais, non coubo o desánimo. Verbo Xido reorientou o seu esforzo e, en breve, contra vento e marea, un anovado CETMO (Centro etnográfico de Terra de Montes) reabrirá felizmente as súas portas en Soutelo. As autoridades locais, das que só se obtiveron paus nas rodas, prefiren desbaldir os cartos en desaxeitadas urbanizacións ou sangrar a impostos aos veciños.

.

A vida segue, o Roteiro Sarmento chega en 2009 á súa oitava edición, e este ano acompáñase coa nova dun artigo intitulado “Martín Sarmiento, natural de San Juan de Cerdedo” da autoría do profesor José Santos Puerto, aparecido no nº 12 da revista Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación. No sobredito artigo, Santos Puerto salienta de primeiras a inexistencia de probas que verifiquen o nacemento de Sarmento en Vilafranca do Bierzo, proporcionándonos despois as irrefutábeis referencias documentais da súa orixe cerdedense, conservadas no mosteiro de San Martín de Madrid, onde Pedro García Gosende se recluíu de por vida. Segundo o artigo, nun documento de 1710, no que se rexistra a toma de hábito do relixioso, lese que Sarmento era natural de “San Juan de Zercedo”. Nun outro documento de 1711, no que se rexistra o exame que lle dá paso á profesión, “nuevamente se dice que Sarmiento es natural de San Juan de Zercedo, en Galicia”.

.

Moito aledándome pola descuberta do profesor Santos Puerto, debo engadir que, na miña modesta opinión, un dos datos máis reveladores verbo da súa non nacenza en Vilafranca do Bierzo atópase no diario de viaxe a Galiza de 1745, do puño e letra de Sarmento: Tanto na viaxe de vinda (Madrid-Galiza) coma na viaxe de volta (Galiza-Madrid) pasa por Vilafranca –na viaxe de vinda (maio de 1745) mesmo pernocta na actual vila leonesa unha noite (a do sábado 29)– e nada sae da súa boca sobre o lugar no que supostamente chegou a este mundo, senón simples referencias á paisaxe e á arquitectura. Na viaxe de volta (19 de xaneiro de 1746), tan só o menciona no seo dunha enumeración. Sabedor da meticulosidade do beneditino, resúltame moi estraño que non lle dedicase ao seu berce nin tan sequera unha liña.

.

Con menos evidencias, calquera concelleiro de cultura estaría fretando as mans. Pola contra, en Cerdedo, o Roteiro Sarmento esgarece baixo as silveiras, baixo o piche ou baixo a auga en cachoeira; o pazo das Raposeiras sómese na ruína e, case unha década despois, ninguén tivo a ocorrencia de dedicarlle ao insigne ilustrado unha rúa. Outros infames engaiolaron en Cerdedo o corazón das autoridades.

.

Faro de Vigo, 13-12-2009

. .
Tamén se pode ler en:
.
http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2009/12/13/sarmento-naceu-cerdedo/394838.html
. .

No hay comentarios: