18/11/12

CAPITÁN GOSENDE ACONDICIONA O SITIO ARQUEOLÓXICO DA PORTA DO CASTRO (Arén-Cerdedo)

.
.
.
Ligazón ao artigo introdutorio publicado en Faro de Vigo (18-11-2012):
.
.
.
.
O pasado domingo, día 11 de novembro, membros do colectivo CAPITÁN GOSENDE de Cerdedo empregaron o lecer da tarde para efectuar labores de acondicionamento no sitio arqueolóxico denominado Porta do Castro, inscrito, á súa vez, no sitio arqueolóxico do castro de Arén, depósito da Idade do Ferro (+/- 2.000 anos de antigüidade).
.
A Porta do Castro é un afloramento granítico que, fincado na chá do castro de Arén (Cerdedo), orientación leste, se caracteriza por servir de soporte a un gravado rupestre, quizais, de época medieval.
.
O pobo nomea o penedo Porta do Castro, pois acredita que o fragueiro pecha o acceso ás soterradas galerías do castro de Arén, cuxas minas de ouro foron explotadas, noutrora, polos mouros, os nosos míticos devanceiros. Recolleuse no lugar a fórmula seguinte: "Castro de Arén que tres minas ten: unha de ouro, outra de prata e outra de lume de alcatrén que é a que gharda as outras tamén". Os aldeáns vencellan o gravado rupestre co asunto das minas, identificando o motivo cun "mapa do tesouro" ou coa clave para dar coas riquezas.
.
As tarefas de acondicionamento, nas que se investiron dúas horas, consistiron en retirar o mesto sedimento que arrodeaba o penouco e mais en librar a face gravada do brión que a mantiña oculta, impedindo, deste xeito, os efectos da erosión biolóxica. Participaron nesta xeira: Anxo Torres, Manuel Fortes, Pedro Péon, Nacho Grande e Calros Solla.
.
Segundo explicamos no artigo introdutorio, a Porta do Castro e o seu misterioso gravado foran exhumados do esquecemento no ano 2004.  
.
.
.
PORTA DO CASTRO 
(ANTES)
.
.
.
.
PORTA DO CASTRO
(DESPOIS)
.
.
.
.
MEMBROS DO COLECTIVO 
CAPITÁN GOSENDE

.
.
.
.
As fotografías son da autoría do compañeiro Manuel Fortes.
.
.

13/11/12

RESPOSTA AO CONCELLO DE CERDEDO

.
.
No xornal Faro de Vigo-Terra de Montes (con data, 13-11-12), o Concello de Cerdedo alude e interpela este escribán por mor do expresado nun artigo aparecido no mesmo xornal (con data, 4-11-12), intitulado "Dez anos do Roteiro Sarmento en Cerdedo".
.
Di o Concello de Cerdedo que "descarta haberse apropiado de la ruta Frei Martín Sarmiento". 

No meu escrito xamais afirmei tal cousa, era o que che nos faltaba, que os rexedores municipais se aseñorasen das corredoiras, pontes, capelas, cruceiros, canastros e vivendas polas que, ou a carón dos cales, discorre o roteiro. Escribín, literalmente, que o Concello se APROPIOU DA INICIATIVA, e isto é unha verdade incontrovertíbel, xa que a primeira edición do Roteiro Sarmento, itinerario baseado nos meus apuntamentos, se celebrou en maio de 2002 (Ano Sarmento). O Concello recoñece que foi hai oito anos cando se procedeu a redefinilo e a homologar a súa versión. Daquela, as datas cantan.
.
[Líguese, por exemplo, a web de Turismo Rías Baixas: 
.
Di o Concello de Cerdedo que, alá polo 2004, unha "experta en rutas de senderismo" deseñou o PRG-69.

Ben, pois é evidente que o fixo atendendo calquera motivación excepto a de reproducir fielmente o camiño descrito polo frade nas súas visitas ás Raposeiras. Recoméndolle, neste senso, a consulta de Viaxe a Galicia de 1745, guía elaborada polo propio Sarmento. Tras a lectura atenta do seu caderno de viaxe, concluirase que o chamado "Sendeiro Frei Martín Sarmiento" se pode chamar de calquera xeito agás "de Frei Martín Sarmiento", por moito que inclúa a visita ao pazo das Raposeiras. Aproveito para insisitir en que a casa grande dos Gosende ameaza con virxe abaixo sen remisión. 
.
Di o Concello de Cerdedo que "decidió bautizarlo con el nombre del fraile benedictino porque consideró importante el hecho de que en el trazado esté la casa en la que habitó Frei Martín Sarmiento".  

Pola mesma, a rota tamén se puido bautizar co nome "Sendeiro da ponte de formigón, agasallo da hidroeléctrica", xa que un dos trazados propostos polo Concello leva os camiñantes a atravesar o río do Castro nese punto. Escuso dicir que o Padre Sarmento non empregou dito pasadeiro.
.
Di o Concello de Cerdedo que o asfaltado do camiño medieval que unía as aldeas da Revolta e Cavenca se acometeu "tras las peticiones que le hicieron llegar los vecinos de los lugares afectados para mejorar el vial de acceso a sus viviendas". 

Lido tal pretexto, agardamos que a ningún veciño se lle dea por pedir o asfaltado do camiño medieval de Santo Antonio para mellor acceder á estrada xeral, pois, abofé, o solícito Concello de Cerdedo cumprirá cegamente os seus desexos. Aínda que xa nos pareza utópico, é obriga das distintas administracións velar pola preservación do patrimonio de todos os galegos, máis alá dos intereses particulares. Mesmo así, hai mil xeitos de acondicionar un camiño histórico sen botar man do asfalto e das padexadoras. 

.
Aproveito para insistir en que o carballón das Lameiras, sito na Revolta, á beira do citado camiño, é unha das árbores afectadas polo decreto de corta do Concello. 
.
Di o Concello de Cerdedo que se acordou rebautizar a costa de Meilide co nome de Avenida Frei Martín Sarmiento "tras las peticiones que se recibieron en este Concello a través de una recogida de firmas vecinales y el escrito presentado por el colectivo Verbo Xido en fecha 4 de enero de 2011".

A min paréceme unha decisión estupenda. No meu artigo só engadín "malia que para tal fin, houbese que choer o vial con quintais de bloque imitación pedra e cemento a esgalla". Consumado está o feitío para quen queira dar testemuño.
.
.
Conclusións e evidencias. 
.
-En base aos escritos do Padre Sarmento, o PRG-69 pode nomearse de calquera xeito agás "de Frei Martiño Sarmento", porque obriga a transitar por vereas non explicitadas polo frade ilustrado.

-O estado de conservación do PRG-69 é lamentábel. Nun artigo, entre moitos, intitulado "A Galicia escintilante fronte á Galicia real", publicado no xornal dixital Galicia Confidencial (8-2-11), o Sendeiro Frei Martín Sarmiento, a carón doutras dezaoito rotas, aparece cualificado como "IMPRACTICABLE". 
.
-No folleto de información turística Sendas para descubrir un país, editado no ano 2011 pola Xunta da Galiza (con textos, entre outros, da Federación Galega de Montañismo), non aparece consignado o PRG-69, testemuñando que incumpre as condicións de homologación esixidas pola FEDME e pola FGM.
.
.
-A monumentalidade do carballón das Lameiras está ameazada pola motoserra do Concello. Ao seu pé aínda son visíbeis as fatídicas marcas vermellas de spray. O derrubamento do pazo das Raposeiras, se ninguén o impide, acontecerá de xeito inminente. Etc., etc.
.
-Política cutre aquela coa que pandamos. Todo fica reducido á elusión de responsabilidades, botándolle sempre a culpa aos demais (que se a experta en roteiros..., que se a anterior corporación..., que se os veciños...). 
.
.
.   

1/11/12

BREVE CRÓNICA DO II ROTEIRO DA PANTALLA

.
.
.
.
.
Na noite do 31 para o primeiro Santos transcorreu con normalidade o II Roteiro da Pantalla. Ben, con toda a normalidade atribuíbel a un acto cultural que persegue salientar a entrada no magosto, no samaín, no mes dos defuntos; a época do ano no que se fan permeábeis as fronteiras entre o mundo dos vivos e o Máis Alá.
.
Na noite do mércores, démonos cita na Eira Grande de Pedre unhas 40 persoas, convocadas polo colectivo Capitán Gosende, a asociación Amig@s da Cultura de Pontevedra e a Irmandade Druídica Galaica.
.
Congregados arredor do cruceiro do eirado, principiamos o roteiro a iso das 8'30 h, descendo pola corredoira da Pontapedre e tendo como destino a capela do Serrapio. Provistos de roupa para a chuvia e da indispensábel iluminación, a comitiva avanzou vagarosa e silandeira polo antigo camiño de peregrinos, atravesou o río Lérez pola ponte medieval e acadou o cotarelo do San Lourenzo. Latiron os cans, liscaron os gatos e asexou a curuxa dende a póla dunha carballa.
.
Aínda que iamos preparados para enfrontar calquera eventualidade meteorolóxica, a chuvia só fixo acto de presenza nun treito do descenso. Mesmo no retorno, cando nos atopabamos na veiga do Serrapio, ao pé da pedra antropomorfa nomeada Xacente do coto das Insuas, a lúa chea coouse triunfal por entre o escuro manto de nubes, acendendo a noite e convertendo aquel instante nunha experiencia inesquecible.
.
Rematado o roteiro, ao cálido abeiro da Casa Florinda, principiou a cea. Mentres atemperabamos o corpo cunha sopiña quente, fóra, o vento e a chuvia se aseñoraron do mundo. Co café e os licores déuselles paso aos contos de medo. Este ano, o nivel dos intervenientes acadou cotas difíciles de superar. A parrafada delongouse até as catro da madrugada. Abofé, entre os comensais, houbo quen non puido conciliar o sono. 
.
Que ninguén se amúe por non ter participado nesta edición, pois xa lle andamos a dar voltas á do ano que vén. Ditoso novembro, ditoso mes, comeza con Todos os Santos e remata co santo André.
.
.
.
Cea da Pantalla en Casa Florinda (Pedre)
.
.
.
 .
Retallo de prensa (Faro de Vigo, 2-11-2012)
.
.
.