29/3/15

CAPITÁN GOSENDE DESCOBRE SEIS CASTROS EN CERDEDO ( I )

.
.
.
.
Ortofotografía da Mouteira (esq.) e do castro das Cercas (der.), en Parada-Cerdedo.
.
.


O domingo 15 de marzo, aproveitando unhas raiolas de sol, espreguizamos a nugalla e achegámonos, de novo, ao lugar da Mouteira, na parroquia cerdedense de Parada. Coa visita á Mouteira puñámoslle o punto e seguido a unha serie de frutíferas xornadas arredor do patrimonio cerdedense da Idade do Ferro.
Hai días nos que a cabeza se nega a transmitirlles ás pernas aquilo que a propia cabeza ordena. Tras unha semana ateigada de traballo, o corpo demanda o acougo da sobremesa dominical, porén, en Capitán Gosende vai para tres anos que non nos damós unha tregua. Sarna con gusto non pica.
            O topónimo “Mouteira” é curioso abondo como para atraer a atención do camiñante inquedo. A voz “mouteira”, nos dicionarios de Rodríguez, Aguirre, Cuveiro, Valladares, Filgueira, Carré, Ibáñez e Franco, identifícase con “fito, estrema que fixa os límites entre dous terreos” (ídem, no Dicionario Xerais e mais no da Academia). Así mesmo, nos dicionarios de Otero, Carré e Rodríguez, engadése a acepción: “conxunto de árbores ou plantas da mesma especie que destacan do resto polo seu espesor ou pola súa altura”. Na estremeira parroquia forcareicense de Millerada, localízase o castro da Mouteira.
            “Mouteira” é un derivado de “mouta” (palabra de orixe prerromana). Os significados que os dicionarios lle atribúen a “mouta” son: “fito; matogueira; bosque denso; morea; toxeira...” ou “grupo de plantas que destacan pola altura, respecto das que están ao redor” (no Dicionario Xerais e mais no da Academia). En resumo, “mouta” e “mouteira” son palabras sinónimas. Na estremeira parroquia forcareicense de Castrelo, sitúase o castro da Mouta, sobre o que se construíu a Torre da Barciela, datada no século XV.
Nalgunhas zonas da Galiza, “mouta” é un equivalente semántico de “mámoa” (lat. mamula(m) “tetiña”). Unha mámoa (Dicionario Xerais) é un “túmulo propio do período megalítico galego, formado por un amoreamento de terra elevado sobre o terreo circundante, de planta circular ou oval, que no seu interior ten ou tivo unha tumba construída con grandes pedras, denominada anta ou dolmen”. Na zona, tamén se oe “mama”, “medorra” ou “modorra”.
En Cerdedo, “mouteira” emprégase para denominar unha pequena elevación do terreo (polo xeral, de orixe natural) que, ás veces, serve de deslinde. Por exemplo, nos predios ribeiráns da Pontemouteira, estreman os eidos de Meilide e Abelaíndo. Na zona, a forma deu nomes de lugar e, como adoita acontecer, tamén xerou un apelido (v.g.: Mouteira, en Meilide).
A mouteira de Parada, que saibamos, non derrega territorios e, aínda que, na actualidade, aquel outón está cuberto pola vexetación (árbores e matogueira), foi, en tempos, terreo cultivado (máis de vinte parceliñas). Xa que logo, o chamadeiro “A Mouteira” fai referencia á rechamante elevación do terreo (hoxe toldada polo arboredo) que acouta aquelas leiras polo sur. 
O casarío da Mouteira áchase, por estrada, a escasos 250 m da igrexa parroquial de Parada (San Pedro), no bordo da barranca do Lérez (marxe dereita) e a uns 600 m da ponte de Parada, pola antiga verea de arrieiros e peregrinos.
Xa na Mouteira, cómpre deixarse levar, primeiro cara ao leste, depois cara ao norte, por un camiño estreito que pon en comunicación a aldea coa, outrora, terra de labor. A uns 150 m do poboado, agochada baixo o mato e a fronde caducifolia, batemos coa prominencia que xustifica o topónimo. 
A primeira vista, desbótase a posibilidade de que aquela ondulación oblonga e curva (duns 70 m de longo) sexa un túmulo. Coa primeira inspección, deducimos que estabamos a camiñar por riba do parapeto perimetral da croa dun castro, soterrado pola secular acumulación de sedimentos (uns 2.000 anos de antigüidade). A senda que nos serviu de guía accede ao interior do recinto, interrompendo a elipse e arrodeando aquel espazo polo leste. O centro do recinto (altitude: 515 m) rexistra as coordenadas: X.-552.709; Y.-4.711.706. O espazo delimitado polo cerramento oval presenta as seguintes medidas: 85 m de longo x 60 m de largo, aproximadamente, uns 4.000 m2 de superficie.
O extraordinario daquela ondulación é a altura que acada polo exterior a sección sur: uns sete metros! Coidamos que a estrutura defensiva vai gañando altura de norte a sur, para gardar con solvencia a lomba máis accesíbel e desprotexida. Cara ao norte (fondeira do regueiro de Framil) e leste (fondeira do río Lérez), o pronunciado desnivel (uns 50 m) serviu de barreira natural. Nestas zonas, o vestixio valadar faise imperceptíbel. O casar da Mouteira edificouse enriba da aba sur do castro da Mouteira ou no antecastro.
Capitán Gosende pon en coñecemento da autoridade a existencia deste sitio arqueolóxico. O castro da Mouteira non figura no catálogo de Patrimonio e tampouco non, no PXOM de Cerdedo.
Cara ao leste, na outra beira do Lérez, áchase a croa en media lúa do impoñente castro das Cercas, localizado nun contraforte que se ergue entre dúas correntes fluviais. A citania das Cercas, aínda en terras de Parada, establece a derrega coa parroquia de Folgoso. En liña recta, dende o coto da Mouteira (515 m) deica o coto das Cercas (504 m), hai unha distancia de 478 m, coa valgada do Lérez polo medio.
Continuará...

Faro de Vigo-Terra de Montes (29-3-2015)
.
.
.

22/3/15

ROSALÍA DE CASTRO, DE CERDEDO (e II)

.
.
.
.
Aldea de Cavenca (Cerdedo)
.
.
.
Campaíña litúrxica (séc. XVI)
.
.
.
Pía bautismal da capela do San Salvador (en paradoiro descoñecido)
.
.


Pola banda da primoxenitura, Alonso de Gosende e Quinteiro casará con María Núñez, tendo, entre outros, a Alonso de Gosende e Núñez (bisavó de Sarmiento e 4º Capitán Gosende). Alonso de Gosende e Núñez casará con María Lourenzo, enxendrando, entre outros, a María de Gosende e Lourenzo (avoa de Sarmiento). María de Gosende casará con Alonso García de Ceraxe, natural de Augasantas (descendente de Pedro Madruga ou, seguindo a tese de Philippot, de Cristovo Colón), tendo, entre outros, a Alonso García de Ceraxe Gosende e Lourenzo (pai do Padre Sarmento). Alonso García de Ceraxe casará con Clara de Balboa e Sarmento, natural de Samos. O seu cuarto fillo, Pedro Xosé García de Ceraxe Balboa e Sarmento (o Padre Sarmento), virá ao mundo no pazo das Raposeiras o 9 de marzo de 1695. En ausencia de documentos que certifiquen a súa nacenza en Vilafranca do Bierzo, acollémonos ás evidencias do profesor Santos Puerto (“Martín Sarmiento, natural de San Juan de Cerdedo”, Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación, 2008).
Tras a fronde xenealóxica, albiscamos de novo a aldea de Cavenca. Cavenca (a semellanza de “caivanca”, “cavianca” ou “covanca”) é un orotopónimo derivado do latín cavus “oco, depresión” (débese, daquela, grafar con uve). O chamadeiro salienta o pronunciado desnivel do terreo: lombas montesas, cinguidas no fondal pola reconca do río do Seixo. Resultado dun arduo labor de achanzamento, a humanidade alí instalada foille gañando a batalla á orografía e, daquel cavorco, fixo hóspito relanzo. Cavenca é un topónimo escaso. No ámbito portugalego, só se rexistran catro lugares con esta denominación: un, en terras galegas (o noso) e tres, en terras de Portugal (Monçao e Viana do Castelo).   
Na capeliña, hoxe alleada do antigo pazo, venérase unha imaxe do Salvador, padroeiro do lugar (óese: san Salvador). Cómpre advertir que o Salvador de Cavenca non é o san Salvador de Horta, o milagreiro frade franciscano, nado en 1520 en Santa Coloma de Farnés (Girona), senón un dos heterónimos de Cristo, o Salvador. Con certeza, amais da Virxe do Rosario, os Gosende tamén se encomendaron ao fillo do deus cristián para escorrentar da Galiza os corsarios da “pérfida Albión”.
A talla orixinal do Salvador perdeuse comesta pola traza. A actual, pequeneira e de cores rechamantes, semella Fu Manchú, o personaxe creado por Sax Rohmer. O Salvador de inverno festéxase o 3º domingo de xaneiro, o de verán, o 6 de agosto. As imaxes do Padre Eterno e da santa Rosa son coetáneas á fundación do templo.
A capela de Cavenca foi reformada no principiar do século XVIII. O canteiro ao que lle encomendou a obra labrou na parede sur sinatura e data: “Ano de 1710. Juan d’Arén”. Na remodelación, integrouse nalgún dos muros unha ara votiva na honra dos Lares Viales (deidades indíxenas dos camiños) que, con anterioridade e a xuízo de Bouza Brei (1939), servira de soporte ao altar maior.
Ao respecto do altar pagán, a antigüidade e relevancia da verea que atravesa o lugar de Cavenca xa fora salientada no Inventario xeral da freguesía de Cerdedo (2002), baseándome na lectura de Los caminos medievales de Galicia (Ferreira Priegue, E., 1988): La Tierra de Montes [...] De Pontevedra a la tierra de Orcellón. El camino salía de Pontevedra por Moldes, Mourente y Pazo, de donde partía una desviación a Xeve cruzando el Lérez en Ponte Bora, y seguía por Couto, Calvelo y Cal, llegando a S. Pedro de Tenorio, donde hubo un castillo. Reconstruyendo el itinerario a partir del camino real, podemos afirmar que pasaba por Santiago de Viascón, seguía a S. Jorge de Sacos, Dorna, Pedre, donde hay un hermoso puente de piedra que puede muy bien ser medieval, Vichocuntín, Cerdedo, Meilide, Carballás, S. Miguel de Presqueira...
É dicir, dende Cerdedo pola Torrente abaixo deica a ponte de Santo Antonio. Dende alí até Cavenca, atravesando o lugar da Revolta. Dende Cavenca a Meilide polo camiño do Rapenlo abaixo, e polo camiño dos Portamuíños arriba até o poboado das Raposeiras. Dende As Raposeiras até o Campo pola costa do Ladrillo. Dende o Campo até Portocelos. Á altura da vella forxa, até o alto do monte pola costa de Carballás.
A capela suma ao seu tesouro unha campaíña litúrxica de bronce fundido (dim.: 10’5 cm x 6’8 cm) e vaso decorado, en cuxo pé se le a inscrición: “Me fecit Iohannes Afine Aº 1554” (“Fíxome Xoán Afine, no ano 1554”). Tanxíase no intre en que, previo á comuñón, o crego procedía á elevación da hostia. O pobo denomina este ritual “tocar a santos”.
Xoán Afine é o alcume do artesán flamengo Joannes van den Eynde que posuía obradoiro na cidade belga de Malinas (campaíñas de Malinas (Mechelen)). Naquela altura, os Países Baixos estaban baixo o dominio da coroa española. Pezas semellantes (e do mesmo fundidor) podémolas admirar no Museo Provincial de Lugo, no Museo de las Ferias (Medina del Campo-Valladolid), no Museo Santa Clara (Zafra-Badaxoz), no Museo da Catedral de Compostela (consérvanse dúas, unha moi semellante á de Cavenca)...
A sineta considérase contemporánea á fundación da capela (Gran Enciclopedia Gallega, 1974). Pode ser, xa que, consonte lemos na web do Museo de las Ferias: El éxito del modelo es indiscutible y prueba de ello es que, a partir de ejemplares importados, se realizaron moldes con los que obtener copias absolutamente idénticas. Daquela, a data “1554” pode ser a do modelo orixinal.
Enfrascados no inventario patrimonial de Cavenca, non debemos esquecer unha pía de rudeza prerrománica (dim.: 1m x 88 cm) que, identificada como a bautismal da capela (Bouza Brei, 1939), permaneceu durante décadas ao pé do camiño. Escachada por un tractor, hoxe atópase en paradoiro descoñecido. Sen desmerecer a capela do Grande Hospital Real e conforme a tradición, coa auga bieita da pía extraviada déuselle á pequecha o nome de María Rosalía Rita.
Do pazo de Cavenca, reconvertido supostamente en casa reitoral, retiráronse dúas “copas da quina”, recipientes confeccionados coa madeira deste vexetal menciñeiro (Cinchona officinalis). A quina é un medicamento febrífugo, tónico e antiséptico. As copas da quina (ou cando menos, a madeira), vindas de exóticas terras (do Brasil amazónico), seica eran propiedade do crego Xosé Martínez Vioxo, proxenitor de Rosalía e, asemade, reitor de Cavenca. O abade mandáraas vir de alén mar para aliviar os seus males. Ao parecer, home xeneroso, tamén llelas emprestaba a fregueses e veciños cando as precisaban. Para que obrasen remedio, cumpría enchelas de auga. Ao pouco, o líquido impregnábase das virtudes do seu receptáculo e estaba listo para ser inxerido.
Así mesmo, e para rematar, o pobo asegura que a nena Rosalía usou a campaíña de Cavenca como axóuxere, o primeiro xoguete dunha cativa “de padres incógnitos” que acabaría pondo a lingua galega e a Galiza no cume da literatura universal.
Todas as lendas son bípedes e adoitan asentar un dos seus esteos no xabre da realidade. Se eu lles dixese que no inverno de 1986 a berlina blindada da familia real española accedeu en reiteradas ocasións ao rueiro de Cavenca, creríanmo? Pois, asegúrolles que foi verdade, aínda que esta é outra historia.
Que o concello de Cerdedo segue gobernado polo partido da Gürtel tampouco é conto.

Faro de Vigo-Terra de Montes (22-3-2015).
.
.
.

15/3/15

ROSALÍA DE CASTRO, DE CERDEDO ( I )

.
.
.

.
.
.
.
.
O pasado 24 de febreiro viu a luz o libro dixital 150 cantares para Rosalía de Castro. O acariñado proxecto do poeta e activista cultural Suso Díaz facíase, por fin, unha gozosa realidade. Rosalía de Castro viría ao mundo o 24 de febreiro de 1837.
Suso Díaz levou a bo termo a difícil tarefa de xunguir á mesma cabezalla o pulo creador dunha ampla mostra da poética galega actual. O seu teimoso entusiasmo e a nobre causa fixeron posíbel a consecución dun poemario polifónico, edificante e necesario.
Sen máis obriga que a de deixármonos guiar polo facho inspirador da nosa precursora, os versos dos 151 poetas convidados arrequecéronse coas ilustracións de 16 artistas plásticos e os prólogos de Ramón Nicolás e Mercedes Queixas Zas. O propio Suso Díaz engade: Rosalía de Castro é o meirande crisol que posuímos. A súa obra, a súa vida, o seu padecemento, o seu ollar, o seu sentir son a alma enteira de Galicia. Seguir afondando en moitos aspectos dese legado, sumar esforzos e novos proxectos para amplificar esa sinfonía é medrar como pobo, é apontoar a lingua.
            150 cantares para Rosalía de Castro pode lerse ou descargarse de balde na web da Fundación e Casa Museo de Rosalía de Castro (rosaliadecastro.org). Esta podente sinerxia literaria súmase aos actos de conmemoración do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos (Vigo, 1863).
Leo na web da Fundación Rosalía de Castro que a celebérrima poeta naceu en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837 nunha casa do Camiño Novo (hoxe, Rosalía de Castro). Filla de María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía (1804-1862) fidalga vida a menos, e do sacerdote José Martínez Viojo (1798-1871). Bautizada na capela do Grande Hospital Real (hoxe, Hostal dos Reis Católicos). Actúa de madriña María Francisca Martínez, criada da nai. O presbítero consigna na partida: “María Francisca Martínez... fue madrina de una niña que bauticé solemnemente... llamándola María Rosalía Rita, hija de padres incógnitos cuya niña llevó la madrina y va sin número por no haber pasado por la inclusa”. Non se pode probar en que fogar ou fogares viviu antes de outubro de 1842. Na tradición da familia paterna asegúrase que foi coidada –sen precisar datas polas tías María Josefa e Teresa Martínez Viojo na parroquia de Ortoño (Ames), na casa onde nacera seu pai, denominada Castro de Ortoño (lugar de Tarroeira).
Esta lagoa biográfica de cinco anos (1837-1842) abóndanos para outorgarlle verosimilitude a un rumor que, xacando, veñen propagando con oufanía os veciños da aldea de Cavenca, en Cerdedo. Léase, por exemplo: “Cerdedo, un patrimonio cultural olvidado”, publicado no xornal Atlántico Diario (2-1-1994).
Malia o despoboamento, aínda hai hoxe quen ofreza cumprida explicación do suposto vencello que a matriarca das nosas letras ten coa dita aldea e, en particular, co pazo dos Gosende.
O pazo de Cavenca, deshabitado e inhabitábel, loce muros apromados de boa cachotaría, patamal, cornixa moldurada e ventás baixo pestanil. A construción divídese, na actualidade, en dúas vivendas de propietarios diferentes, ocupando o conxunto unha superficie duns 288 m2. A sección leste (105 m2) presenta un mellor estado de conservación. A sección oeste (183 m2) atópase, pola contra, nunha situación avanzada de deterioro. Na listaxe patrimonial do PXOM cerdedense (2014) identifícase, sen máis argumentos, como “pazo Cabenca” ou “casa da nai de Rosalía”, catalogándose como vivenda tradicional.
A casa grande de Cavenca canda a capela anexa foron edificadas a finais do século XVI por mandado de Xoán de Gosende e Quinteiro, dos Gosende das Raposeiras, casado en segundas nupcias con María de Castro, oriúnda de Compostela. Tras o prematuro falecemento de Xoán de Gosende, María de Castro casa co tamén compostelán André García de Seares. O matrimonio adquirirá as propiedades do pazo de Arretén (Padrón) que, tempo despois, acabarán herdando os avós maternos de Rosalía de Castro.
Estas evidencias, corroboradas polas investigacións de Rodríguez Fraiz (“Los ascendientes del Padre Martín Sarmiento en Cerdedo”, Cuadernos de Estudios Gallegos, tomo XXVII, 1972), outórganlle visos de realidade ao relato popular. As miñas pescudas deron como resultado un mañuzo de hipóteses avaladas pola tradición oral (Almanaque de encantos, 2005; O código da vincha, 2012):   

a) Mª Tareixa de Castro e Abadía, nai de Rosalía de Castro, naceu no pazo de Cavenca, legado dos Gosende-Castro.
b) Mª Tareixa pasou tempadas, quizais de nena, no pazo de Cavenca, herdade dos seus parentes.
c) O pai de Rosalía, Xosé Martínez Vioxo, crego, misou na capela do lugar, tendo por vivenda o pazo, convertido en casa reitoral.
d) Mª Tareixa de Castro, veciña de Cavenca, foi criada do abade da antiga parroquial, ou criada do que despois sería pai da súa filla.
e) Rosalía de Castro foi enxendrada no lugar de Cavenca.
f) Nai e filla de días procuraron acocho en cas dos Gosende-Castro de Cavenca.

Antonio Rodríguez Fraiz, natural de Tomonde (Cerdedo), pioneiro no misar en galego (Chacarita, 25 de xullo de 1961), empregaría a nosa lingua nas Misas de Rosalía (v.g.: no ano 1970) que, dende 1932, se veñen celebrando o Día da Patria (ou na véspera). Os franquistas daríanlle o nome de “Misa dos ateos”.
A maiores, Avelino Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo, no seu poemario Voando coas ás da vida (1969) engarza os seguintes versos: Soutelo de Montes garda un adeus! de Rosalía, cando pasou por Soutelo, ía chorando a probiña. En xullo do ano 24, Castelao escribe a crónica do concurso de gaitas que, organizado en Compostela, deparoulle a Avelino o triúnfo e a consideración de mellor gaiteiro da Galiza. Así mesmo, o de Rianxo debuxa unha caricatura do músico. No fol da gaita agocha o rostro de Rosalía de Castro.
O antropónimo Gosende provén dun antropotopónimo, é dicir, un nome de lugar formado a partir do nome do seu primitivo posesor (villa Gaudesindi). Na actualidade, o concello que presenta a meirande porcentaxe de Gosendes é o de Outes (A Coruña), seguido por Rois (A Coruña) e Cuntis (Pontevedra). En Cerdedo, Gosende é un apelido en vías de extinción.
Na Galiza, existen catorce lugares nomeados Gosende, pertencentes aos concellos da Baña, Brión, Cambre, Carral, Cerceda, A Laracha, Mazaricos, Mesía, Ordes, Ortigueira, Outes, Samos, Compostela e Vilamarín. Gosende é tamén o nome dunha freguesía portuguesa, pertencente ao concello de Castro Daire (Viseu). Calquera destes lugares puido ser a orixe do apelido, cuxa semente enraizou, posteriormente, en Terra de Montes.
A liñaxe nobiliaria dos Gosende remóntase en Cerdedo ao século XV. Xoán de Gosende o Vello, nado en Meilide na segunda metade do século XV, foi capitán dos rexementos das milicias de Montes (1º Capitán Gosende).
Xoán de Gosende o Vello casou con María Rascado, tendo por fillo, entre outros, a Xoán de Gosende e Rascado (Xoán de Gosende o Mozo, primoxénito e 2º Capitán Gosende).
Xoán de Gosende e Rascado, naceu na primeira metade do século XVI. Contraeu matrimonio con María Quinteiro. O matrimonio enxendrou, entre outros, a Alonso de Gosende e Quinteiro e a Xoán de Gosende e Quinteiro.
Alonso de Gosende e Quinteiro (primoxénito, 3º Capitán Gosende e tataravó de Sarmiento) foi o fundador do pazo das Raposeiras.
Na primavera de 1589, Xoán de Gosende e Rascado (2º Capitán Gosende) e o seu fillo Alonso de Gosende e Quinteiro (3º Capitán Gosende), á fronte das milicias aldeás, participan na defensa da vila da Coruña contra as naves corsarias de Isabel I de Inglaterra.
Na Coruña, entre o 4 e o 18 de maio de 1589, os Gosende arrostran a acometida da English Armada, ao mando de Francis Drake e John Norreys, composta por perto de 200 naves e uns 28.000 homes. Naquela contenda tamén sobrancearía a destemida coruñesa María Pita.
Domingo González Lopo (“Las cofradías en la formación religiosa y el control festivo en las parroquias de Galicia y el norte de Portugal en época moderna”, 2013) cualifica o episodio bélico como “el Lepanto gallego” e engade: La victoria sobre las huestes de Drake se atribuyó a la protección ejercida por la Virgen del Rosario. González Lopo, citando o Padre Sarmento (1745), lembra que os vitoriosos Gosende trouxeron da Coruña unha imaxe da Virxe do Rosario que colocaron nunha capela da parroquial de Cerdedo.
Xoán de Gosende e Quinteiro, de profesión escribán, casou en segundas nupcias con María de Castro, devanceira de Rosalía de Castro. Xoán de Gosende, a finais do século XVI, fundara o pazo e capela de Cavenca. O pobo considera (Bouza Brei, 1979) que o templo data do século VII, de cando Cavenca ostentaba a condición de cabeza de parroquia (San Salvador de Caviancos).
Continuará...

Faro de Vigo-Terra de Montes (15-3-2015).
.
.
.